20.000 sinaturas de técnicos de farmacia contra a «e-receita»

Fuente: Galicia-Hoxe.com
Autor: E.P.

Temen 2.500 despedimentos, polo que piden a Touriño que interveña xa ·· O Goberno autonómico defende que dá «calidade asistencial»

Técnicos e auxiliares de farmacia galegos pedíronlle onte ó presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, que «tome cartas no asunto» e «non permita que unha profesión completa véxase prexudicada por un decreto», en alusión á normativa que regula a receita electrónica (e-receita) pois segundo un dos artigos só o farmacéutico pode dispensar medicamentos. Así, representantes da Coordinadora de Técnicos e Auxiliares de Farmacia de Galicia entregaron onte no rexistro da Xunta unhas 20.000 firmas para protestar pola entrada en vigor desta normativa, pois temen o despedimento duns 2.500 traballadores.

O colectivo, duns 3.000 traballadores en Galicia, insiste en que a actual normativa da e-receita provocará despedimentos de traballadores desta rama sanitaria e fará que os estudantes de centros formativos non teñan saída profesional. Emporiso, insistiron en que seguirán realizando mobilizacións en función de como se desenvolvan os acontecementos.

Mosquera recalcou que a «preocupación e o cabreo aumentan» e asegurou que constataron «un importante parón na contratación, sobre todo de mozas»; mentres outros contratos «non se renovan» e algúns foron despedidos.

Pola súa banda a Consellería de Sanidade da Xunta respondeu onte que a posta en marcha da e-receita «non é unha ameaza» para os técnicos e auxiliares de farmacia «nin ha de supor a perda de postos de traballo», senón que implica «unha mellora da calidade asistencial» do sistema sanitario.

Fontes da consellería sinalaron que a nova normativa «non cambia» as funcións atribuídas a estes traballadores xa reguladas no Real Decreto de 2007, que precisa que a súa función é a asistencia e a dispensación de medicamentos e produtos afíns e a venda doutros parafarmacéuticos.

Por iso, a Administración sanitaria aclarou que o decreto de 28 de agosto de 2008 «non modifica» as condicións laborais destes profesionais, senón que «autoriza» a firma dixital de receitas por parte do farmacéutico, que «é o único que pode dispensar».

Sanidade tamén puntualizou que ó Servizo Galego de Saúde nin ós colexios de farmacia «non lle constan» despedimentos de profesionais, como se denunciou dende a Coordinadora de Técnicos e Auxiliares de Galicia.

Deja una respuesta

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.